26 de octubre de 2024

ESPAZO DE LIMPEZA

Na aula temos un espazo de limpeza e hixiene no que está o moble coas bolsiñas de muda e as toalliñas e unha papeleira, un dispensador de papel e un espello.

O venres pasado completamos este espazo con novos utensilios: panos, flisflis e vasoiras con recolledor. Foi todo un éxito e gústalles moito empregar todos eles. O único que temos que perfeccionar e o número de veces que darlle ao flisflis. 

A continuación podedes ver como os empregan para limpar os manteis, as mesas e o chan dos restos da merenda.



18 de octubre de 2024

MESA SENSORIAL: ESPIGAS DE MILLO

Graciñas a colaboración das familias levamos dúas semanas desfrutando na mesa sensorial con espigas de millo.
Durante a sesión de recunchos cada día un pequeno grupo ía pasando por este espazo.
A primeira semana experimentaron coas mazarocas que tiveron que debullar e a segunda semana coa mesa chea dos grans de millo. 
A próxima semana haberá novos materiais na mesa sensorial, pero os grans de millo seguirán na aula. Trasladarémolos para a cociña, xa que desfrutaron un montón con trasvases, recollendo con culleres...
A continuación podedes ver un pouquiño desta experiencia.





15 de octubre de 2024

AS NOSAS OBRAS

 Xa están expostas as primeiras obras de arte no taboleiro do corredor!

Nunha das sesións de estacións de psicomotricidade fina, estamparon coas cores do outono esponxiñas nunca árbore simulando as follas. 

Por grupos ían rotando por cada estación: xeoplanos e gomiñas, limpiapipas e boliñas e as árbores do outono. Para estampar con todas as cores, rotamos o prato e cambiaban de esponxa. O resultado é 13 árbores de outono diferentes, cada un coa sua personalidade.