14 de noviembre de 2024

MAGOSTO

 O venres 8 de novembro celebramos o magosto no centro.

Despois dunha asemblea especial, fumos ao pavillón para desfrutar dos tradicionais xogos con castañas. Para elo, levaron as súas castañas decoradas na casa. Cada aula ía rotando polos xogos onde estaba alumnado dos últimos cursos de primaria para explicarnos o funcionamento.

Despois de tanto xogar, tiñan fame, así que pasamos pola aula para coller a botella de auga e como trouxeran merenda fixemos unha pequena pausa na aula para repoñer folgos. Logo saímos ao patio de primaria onde lles agardaba os bocadillos de chourizo na nosa caixiña decorada. Tamén houbo castañas asadas! 

A continuación podedes ver un poquiño destes momentos.



4 de noviembre de 2024

SAMAÍN

 Os días 28, 29 e 30 de outubro, fixemos diferentes actividades coa temática do Samaín.

  • Comezamos na aula decorando os cristais das fiestras cunhas pantasmas que fixeron coa técnica de collage.
  • Visitamos a exposición de cabazas que había no edificio principal do centro.
  • Na biblioteca, desfrutaron dun conto en inglés coa teacher, bailaron e fixeron unha manualidade de pantasma con rolos de papel.
  • Fixemos un obradoiro de cociña decorando magdalenas.
  • As estacións foron coa temática do Samaín: poñer cara as cabazas, asociar as imaxes as sombras e quebracabezas.


INAUGURACIÓN DA BIBLIOTECA

 Dende o luns 28 de outubro a biblioteca do centro quedou inaugurada. 

Para elo, días previos, todo o alumnado participou na decoración da entrada. A actividade consistíu en realizar un debuxo libre con témpera de cores. Cada aula baixou na súa quenda para realizala. Se queredes ver o resultado podedes achegarvos a visitala. Como xa vos mencionei na xuntanza de aula, tedes a biblioteca do centro dispoñible ata as 16:20h para ir cos vosxs fillxs. 

No acto de inauguración, cortaron a súa banda da porta da entrada e unha vez dentro puideron ver as súas obras de arte que fixeran na casa e tantas ganas tiñan de ver onde estaban. Unha vez dentro, Pili. a coordinadora da biblioteca, explicou algúns aspectos importantes coma: a localización e ordenación dos contos, os diferentes espazos, a mochila viaxeira... e xa que estabamos na biblioteca, aproveitamos para contar un conto!



26 de octubre de 2024

ESPAZO DE LIMPEZA

Na aula temos un espazo de limpeza e hixiene no que está o moble coas bolsiñas de muda e as toalliñas e unha papeleira, un dispensador de papel e un espello.

O venres pasado completamos este espazo con novos utensilios: panos, flisflis e vasoiras con recolledor. Foi todo un éxito e gústalles moito empregar todos eles. O único que temos que perfeccionar e o número de veces que darlle ao flisflis. 

A continuación podedes ver como os empregan para limpar os manteis, as mesas e o chan dos restos da merenda.



18 de octubre de 2024

MESA SENSORIAL: ESPIGAS DE MILLO

Graciñas a colaboración das familias levamos dúas semanas desfrutando na mesa sensorial con espigas de millo.
Durante a sesión de recunchos cada día un pequeno grupo ía pasando por este espazo.
A primeira semana experimentaron coas mazarocas que tiveron que debullar e a segunda semana coa mesa chea dos grans de millo. 
A próxima semana haberá novos materiais na mesa sensorial, pero os grans de millo seguirán na aula. Trasladarémolos para a cociña, xa que desfrutaron un montón con trasvases, recollendo con culleres...
A continuación podedes ver un pouquiño desta experiencia.





15 de octubre de 2024

AS NOSAS OBRAS

 Xa están expostas as primeiras obras de arte no taboleiro do corredor!

Nunha das sesións de estacións de psicomotricidade fina, estamparon coas cores do outono esponxiñas nunca árbore simulando as follas. 

Por grupos ían rotando por cada estación: xeoplanos e gomiñas, limpiapipas e boliñas e as árbores do outono. Para estampar con todas as cores, rotamos o prato e cambiaban de esponxa. O resultado é 13 árbores de outono diferentes, cada un coa sua personalidade.






25 de septiembre de 2024

Un pouquiño de setembro na aula de 4ºEI.

 Boas familias!

A continuación podedes ver pequenos momentos do noso día a día na aula durante estes días de setembro.

Parece que o período de adaptación foi todo un éxito e xa estamos preparados para continuar!

13 de mayo de 2024

VISITA: ENFERMEIRAS DO CENTRO DE SAÚDE DE SÁRDOMA

O pasado xoves 9 de maio, o alumnado de educación infantil recibiu, na biblioteca do centro, a visita de enfermeiras do Centro de saúde de Sárdoma.

Levaron a cabo un obradoiro de ALIMENTACIÓN SAUDABLE con distintas actividades nas que os nenos e nenas participaron activamente. A continuación podedes ver algunhas imaxes.



Gustaríamos mencionar a colaboración de Ángela, nai de André, pola xestión para que esta iniciativa fose posible. Graciñas Ángela!

O equipo de infantil

12 de marzo de 2024

8M: MAMÁ OLÍMPICA NA ESCOLA

 O 8 de marzo visitounos Begoña Fernández para conmemorar o Día Internacional da Muller.

Ela foi xogadora da selección española de balonmán e participou nos Xogos Olímpicos de Londres 2012 onde acadaron a medalla de bronce. 

Estamos moi orgullosos de contar con ela, xa que é a nai de dous alumnos do noso colexio: Laia e Luka. 




Quedaron encantadxs.

Graciñas Begoña!

6 de marzo de 2024

SAÍDA: DONDE VIVEN LOS CUENTOS

 O alumnado de infantil disfrutou dunha saída a DONDE VIVEN LOS CUENTOS en Nigrán. 

A continuación podedes ver unhas imaxes coas distintas actividades que realizaron.

Pasámolo xenial! 





5 de marzo de 2024

OBRADOIRO DE FAMILIAS: DISFRACES DE ENTROIDO

Co motivo da chegada do Entroido, as mestras de infantil organizamos un obradoiro de disfraces. Para elo, solicitamos a colaboración das familias. Foi un bo momento para reforzar a relación familia-escola. Agardamos que o disfrutárades.

 

 


 



GRACIÑAS FAMILIAS!



3 de marzo de 2024

CONMEMORACIÓN DO DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ

O martes 30 de xaneiro conmemoramos o Día escolar da non violencia e a paz. Como podedes ver na páxina web do centro, cantamos unha versión da canción de Extremoduro: "Ama, ama y ensancha el alma". Nos días previos, todo o alumnado pintou a súa camiseta co símbolo da paz.

A continuación podedes ver aos grupos de infantil coa sua camiseta durante o recreo.